Guía de OmegaT: Traducir OmegaT ao seu idioma

Tradución: observacións xerais

«Nós» refírese ao equipo do proxecto OmegaT. O equipo do proxecto OmegaT non é unha empresa nin un corpo legal formal, só un grupo de voluntarios involucrados no proxecto.

OmegaT é un programa gratuíto de código aberto de memoria de tradución. A interface de usuario e a documentación escribíronse orixinalmente en inglés. O programa está destinado a persoas de todo o mundo que se dedican á tradución, polo que resulta conveniente que a documentación (e, de ser posible, o propio programa) estean dispoñibles noutros idiomas. Como non somos un proxecto comercial, non temos o presuposto para contratar a persoas para realizar traducións. Pola contra, as persoas involucradas no proxecto esperan que as traducións sexan realizadas en primeiro lugar e principalmente por persoas dedicadas á tradución que teñan probado OmegaT e estean convencidas do valor que aporta á comunidade da tradución.

O traballo de tradución

No momento de redactar este texto, o material que debe ser traducido consiste en:

* A interface de usuario (menús, etc.)
* O manual de usuario (moi completo)
A guía de inicio rápido (unha introdución corta ao uso de OmegaT)
* O ficheiro leme (un documento que contén información xeral sobre OmegaT)
* O titorial para principiantes
A páxina web de OmegaT (o lugar no que probablemente está lendo isto)

As persoas que realizan a tradución teñen a liberdade de levar a cabo tanto traballo como desexen. No caso do manual de usuario principal en concreto, pode levar ata dúas semanas traducilo, e moitas persoas prefiren compartir o traballo.

Proceso

1. Contacte co coordinador adecuado para o traballo de tradución:
Para a interface de usuario, o manual de usuario e a guía de inicio rápido ou o manual leme, contacte co Coordinador de localización de OmegaT.
Se desexa traducir a páxina Web de OmegaT ou o titorial para novatos, contacte co xestor da páxina web de OmegaT.

2. Únase ao grupo de usuarios de OmegaT (tamén coñecido como «OmT»). Durante o proceso de subscrición terá que enviar unha mensaxe corta aos moderadores do grupo, para permitirlles distinguir entre usuarios reais e contas de correo non desexado.

Despois de unirse visite o plan de localización de OmegaT. Este plan mostra que traballos de tradución/localización de OmegaT se teñen realizado e cales están en proceso. Se non se comezou a traballar nun aspecto determinado do seu idioma, pode crear unha entrada no plan e indicar que asumiu a responsabilidade. O propósito do plan é evitar que dúas ou máis persoas traballen na mesma tradución sen ser conscientes (esforzo duplicado). Polo tanto, é moi importante que cree unha entrada no plan de localización cando comece a traballar nunha tradución para evitar que dúas ou máis persoas traballen na mesma sección da localización dun idioma.

3. Inda que non é esencial, recomendámoslle que se unha á lista de correo de localizadores de OmegaT (tamén coñecida como "OmT-l10n").

4. Descargue os ficheiros para realizar a tradución.

Para o programa OmegaT e a documentación, pode optar entre o paquete «Completo» ou o paquete «Mínimo».

O paquete completo contén o manual de usuario, a guía de inicio rápido, a interface de usuario e o ficheiro leme. O paquete mínimo contén os mesmos ficheiros que o paquete completo a excepción do manual de usuario. Non ten que traducir un paquete completo, pode simplemente traducir a interface de usuario (Bundle.properties) ou a guía de inicio rápido.

Se desexa traducir a páxina web de OmegaT, descargue o paquete de localización da páxina web. (Teña en conta: estes son os paquetes do inglés. Se desexa traducir dende un idioma diferente ao que OmegaT xa fose traducido, contacte co xestor da páxina web de OmegaT.)

Polo xeral, as localizacións da interface de usuario de OmegaT e a documentación actualízanse con cada nova versión de OmegaT.

A páxina web de OmegaT é un traballo en progreso continuo. Pode ver unha lista das páxinas da web de OmegaT na que se indica cando foi actualizada por última vez.

A páxina web de OmegaT inclúe ficheiros en formato HTML e, dende 2011, en formato PHP. Para traducir os ficheiros PHP en OmegaT, debe rexistrar a extensión .php cos filtros HTML e XHTML seguindo estes pasos:

Opcións > Filtros de ficheiros > Seleccione «HTML e XHTML» > Editar >Engadir > Introduza “*.php” no cadro «Padrón do nome de ficheiro de orixe».

Por último, pode atopar o Titorial para novatos aquí.

5. É posible que haxa versións antigas das da documentación ou das memorias de tradución (ficheiros TMX) dispoñibles para o seu idioma que poden ser útiles no proceso de tradución. Pode atopar os ficheiros de memorias de tradución (TMX) de localizacións antigas de OmegaT, a documentación e a páxina web na sección «Files» do grupo de usuarios en liña. Tamén merece a pena preguntar na lista de localizadores (OmT-l10n) se alguén ten materiais de referencia que poidan facilitar a súa tradución.

6. Traduza os ficheiros que escolleu. Non é necesario que digamos que prefeririamos que empregase OmegaT para realizar as labores de localización de OmegaT, pero pode empregar outro software se o desexa.

Despois de descargar o ficheiro zip do paquete completo ou mínimo ou o paquete de localización da páxina web, descomprímao. Para os paquetes completos ou mínimos (interface de usuario e documentación) non é necesario que cree un proxecto de OmegaT como o faría normalmente: cando os descomprima, os ficheiros de localización de OmegaT están listos para usarse nun proxecto. (Este non é o caso dos ficheiros de localización da páxina web.)

Ten liberdade total á hora de decidir como realizar a tradución. Pode modificar, corrixir, engadir ou eliminar información baixo os seus propios criterios. Se ten algunha pregunta, a lista OmT-l10n é o mellor lugar para publicalas.

Se a atopa nos documentos que está traducindo, non traduza a GPL (GNU Public License) ou a GFDL (GNU Free Documentation License). Só a versión orixinal en inglés é válida. É posible que se inclúa unha versión traducida por motivos informativos, pero non terá validez legal. Ademais, a menos que o seu sexa un idioma pouco común, é probable que ambos documentos xa teñan sido traducidos. Se fai unha busca na web seguramente atopará as traducións.

Manteña as traducións de ficheiros no seu formato orixinal, e non cambie o nome dos ficheiros. O formato manterase de forma automática se emprega OmegaT. Agradecemos todas as traducións, pero simplifica moito o noso traballo se recibimos os ficheiros no mesmo formato (e non como ficheiros de Word, por exemplo).

7. Probe a súa tradución (opcional).

Para probar a interface de usuario:

Execute OmegaT dende a liña de comandos (ventá de MS-DOS) cos seguintes comandos (se non sabe como facer isto, consulte o manual de usuario de OmegaT).

     cd [ruta completa a OmegaT]
     java -jar OmegaT.jar resource-bundle=[nome do paquete coa ruta completa]

[ruta completa a OmegaT] é a ruta ao cartafol que contén o programa OmegaT e [nome do paquete coa ruta completa] é o nome da súa tradución do paquete de recursos (bundle_en.properties, a menos que o cambiase) e a ruta completa á localización.

Para probar a visualización da Guía de inicio rápido:

No cartafol /docs/ do programa OMegaT, cree un subcartafol co código iso do idioma do seu sistema operativo (se o cartafol xa existe, cambie o seu nome de forma temporal) e copie o manual neste cartafol. Despois disto execute OmegaT de formal normal. (Se traduciu a un idioma no que non está o seu sistema operativo, mire a continuación «Como xestiona OmegaT as versións localizadas».)

8. Cree unha captura de pantalla de OmegaT no seu idioma (despois de traducir a interface de usuario). Este paso tamén é opcional, pero se conseguiu executar OmegaT co paquete localizado (como explicamos no paso anterior) mellorará a calidade da súa tradución. Para crear unha captura de pantalla, execute OmegaT e cree unha pantalla adecuada para unha captura, como pode ser a xanela «Crear un novo proxecto» na que se mostran as rutas típicas.

Escolla o formato de ficheiro .png.

Asigne á imaxe o nome NewImage.png

9. Entregue o seu ficheiro ao coordinador da localización, que llo enviará ao equipo de desenvolvemento para que o inclúa na próxima versión de OmegaT (no caso da interface e a documentación) ou o suba á web (no caso da páxina web). Se empregou OmegaT ou algunha outra ferramenta de tradución asistida para levar a cabo o traballo, suba a memoria de tradución (ficheiro TMX) ao repositorio de memorias de tradución no grupo de usuarios en liña. Isto facilitará a actualización da tradución no futuro. Por favor, non lle entregue o proxecto completo de OmegaT ao coordinador da tradución (non precisa recibir múltiples copias do proxecto completo). En lugar diso, cree dous ficheiros separados en formato .zip ou .tar.gz, nun inclúa só os documentos e no outro só os ficheiros tmx.

10. Non esqueza actualizar o Plan de localización de OmegaT (consulte o paso 2 do proceso) para mostrar que completou a tradución dun documento/versión concreto. Da mesma forma, se abandonou o traballo de tradución por calquera motivo, actualice a entrada no plan para indicalo. Isto permite que outra persoa poida traballar na tradución. Se abandona o proxecto antes de completar a tradución, cree os ficheiros TMX para as traducións que realizou e súbaos ao repositorio de memorias de tradución.

Información de copyright

É posible reutilizar a maior parte da documentación de OmegaT grazas ás licenzas GNU Public License (GPL) e GNU Free Documentation License (GFDL). Ningunha licenza permite reutilizar a páxina web. Isto non é importante para vostede, a menos que teña un interese particular nos asuntos de copyright. Acreditaremos o seu traballo e pasará a ser co-titular do copyright.

Copyright Marc Prior 2009-2014