Filosofía

A filosofía do código aberto

OmegaT é un programa e proxecto de código aberto. Isto significa que o código fonte de OmegaT está dispoñible de forma libre e gratuíta, e que a licenza de OmegaT dá ás persoas que o usan unha liberdade considerable para usalo. No só poden usalo sen custe algún, as persoas que o usan tamén poden realizar copias del e distribuílas.

Un aspecto importante desta liberdade é que os as persoas que o usan poden modificar o código do programa. Para o movemento do código aberto, a liberdade dos usuarios para cambiar o programa para adaptalo ás súas necesidades é máis importante que o feito de que non teñan que pagar por el. Isto descríbese como «tan libre como na expresión», en contraste con «tan gratuíto como a cervexa gratis».


A filosofía do proxecto OmegaT

Pódese atopar o mesmo espírito no proxecto OmegaT. As persoas que o usan son libres de descargar e usar o programa. A cambio, son libres e incluso as animamos (inda que non están obrigadas de ningunha forma) a contribuír ao proxecto. Como o fagan depende delas. Por exemplo, non hai nada que impida que un usuario escriba o seu propio manual de usuario ou faga un vídeo no que mostra OmegaT, e se o proxecto considera que é útil, é probable que o poña á disposición da comunidade de usuarios de OmegaT. Cando se trata de tarefas rutineiras, os voluntarios que traballan no proxecto de OmegaT teñen tanta liberdade como for posible á hora de decidir como contribuír. O actual coordinador do proxecto OmegaT describe esta política permisiva como unha «anarquía delegada».

Nalgunhas áreas é precisa unha certa coordinación. Por exemplo, calquera persoa é libre de facer cambios no código de OmegaT e enviar estes cambios ao equipo de desenvolvemento. Estes cambios só serán incluídos se o equipo considera que son beneficiosos para os usuarios de OmegaT. Desta forma asegurámonos de que se protexen os intereses dos usuarios, o cal levou a que OmegaT gañase a garantía «100 % limpo» da Softpedia.


Desenvolvemento de OmegaT

Coma no resto de áreas de OmegaT, o traballo de programación realízano persoas voluntarias e, seguindo a filosofía do proxecto, o desenvolvemento e melloras que fan sométense ao seu propio criterio. Con todo, as persoas que o usan teñen unha marxe considerable para suxerir melloras e influír no curso que tomará o desenvolvemento no futuro.

O primeiro lugar no que se pode facer isto é no grupo de usuarios de OmegaT. Este é o punto principal de comunicación da comunidade de usuarios de OmegaT. Animamos ás persoas que son novas no uso de OmegaT a facer suxestións nel. Un dos motivos polo que o facemos é porque é posible que a función que desexan xa estea dispoñible, ou que non se poida introducir por algún motivo. É posible que existan funcións ou solucións alternativas que sexan adecuadas.

As discusións técnicas detalladas sobre cambios deberían realizarse directamente cos desenvolvedores de OmegaT. Existe unha lista de correo de desenvolvedores dedicada a esta finalidade.

Existe un procedemento definido para enviar propostas de cambio ou mellora de OmegaT ao equipo de desenvolvemento para a súa avaliación. Desta forma podemos avaliar as múltiples suxestións de forma máis fácil. Denominamos ao proxecto «RFE» (Petición de mellora dunha función, polas súas siglas en inglés) e se xestiona aquí.

Xa se teñen realizado centos de RFE e moitas delas xa foron incorporadas. É preciso ter en conta que enviar un RFE non implica que a función ou mellora desexada se vaia incorporar de forma automática. Se se adopta ou non dependerá en primeiro lugar de se o equipo de desenvolvemento cre que é beneficiosa para OmegaT, e en segundo lugar, de se algunha das persoas que desenvolve está disposta a traballar para incluíla.

As persoas que desenvolven OmegaT, que son todas voluntarias, poden estar máis dispostas a traballar nun RFE se o traballo está financiado pola persoa que fai a solicitude. O patrocinio do desenvolvemento xa levou á inclusión de certas características. Se desexa financiar o traballo para que se introduza unha característica, póñase en contacto co equipo de desenvolvemento en privado para discutilo. Tamén é posible que se implementen en OmegaT desenvolvementos encargados a desenvolvedores externos É preciso ter en conta que se aplican os mesmos principios que cos desenvolvementos gratuítos: que os cambios deben ser beneficiosos para o programa e as persoas que o usan.